Control Copa Base: o Club Arnela debuta cunha clasificación estatal
- Rítmica Arnela
- 20 oct 2025
- 1 min de lectura
O 18 de outubro celebrouse o Control Copa Base, un clasificatorio no que só as cinco mellores de cada categoría lograban o pase ao campionato estatal. O Club Arnela estreouse neste novo nivel con tres ximnastas, e os resultados non puideron ser mellores: Delia García e Luna Angulo quedaron ás portas da clasificación cun 6º e 7º posto, mentres que Sofía López acadou un brillante 5º posto, logrando así o billete para representar a Galicia no estatal.
O corpo técnico destacou que “era un reto difícil, pero saíron a desfrutar e fixérono moi ben, sabían que o obxectivo era vivir esta nova experiencia e aproveitar cada segundo”.
Agora Sofía centrará o traballo en perfeccionar a súa coreografía de cara ao nacional, mentres Delia e Luna comezarán a preparar os novos aparatos da próxima tempada, moi motivadas polos resultados.
Desde o club subliñan tamén o gran esforzo e evolución das tres ximnastas, “superando lesións, nervios e retos enormes, pero mantendo sempre un espírito de equipo exemplar".




Comentarios